Axudas Fomento da primeira forestación de terras non agrícolas




Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para a creación de superficies forestais en terras non agrícolas e proceder á súa convocatoria para o ano 2018 en réxime de concorrencia competitiva.

Liñas de axudas.

1. As axudas obxecto de subvención son as seguintes:

a) Axudas á primeira forestación de terras non agrícolas con especies do anexo I desta orde (coníferas).

b) Axudas á primeira forestación de terras non agrícolas con especies do anexo II desta orde (frondosas).

Tipos de superficies obxecto de axuda.

1. Poderán ser obxecto de axuda as actuacións naqueles terreos que estean identificados no Sistema de identificación xeográfica de parcelas agrícolas (Sixpac) como:

– Forestal (FO).

– Pasto con arboredo (PA).

– Pasto arbustivo (PR).

2. En todo caso, será de aplicación o disposto no Real decreto 1077/2014, do 19 de decembro, polo que se regula o Sistema de información xeográfica de parcelas agrícolas en todo caso, e no establecido na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia e a normativa de desenvolvemento.

3. A superficie de actuación será a suma da superficie de forestación máis a superficie da área de defensa.

4. Non se concederá axuda sobre parcelas situadas en hábitats definidos como prioritarios pola Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres.

5. A cualificación urbanística das parcelas que se vaian forestar deben admitir as actuacións polas cales se solicita axuda.

A quen vai dirixido?

Os beneficiarios serán persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores, sen que se admita a cesión por parte do propietario do terreo a un terceiro.

Obrigas.

1. O beneficiario da axuda e o solicitante está obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida polos órganos de control da Consellería do Medio Rural, Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, e as instancias de control comunitarias no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, e a levar un sistema de contabilidade separado, ou ben un código contable adecuado para todas as transaccións relativas ás axudas solicitadas ao abeiro desta orde, onde se constatará o investimento efectivamente pagado antes do remate do prazo de execución.

2. O beneficiario está obrigado a someterse a calquera actuación que a Administración concedente poida realizar para comprobar a aplicación das axudas á finalidade que determinou a súa concesión, o cumprimento dos requisitos exixidos para a concesión e o pagamento da axuda e o mantemento das condicións establecidas nas bases reguladoras, a convocatoria e a resolución de concesión.

3. No caso de achado casual de obxectos e restos materiais que posúan valores que son propios do patrimonio cultural galego, o descubridor deberá comunicalo inmediatamente á Consellería de Cultura e Turismo, de conformidade coa Lei 5/2016, do 4 de maio, pola que se regula o patrimonio cultural de Galicia.

4. As actuacións na zona lateral de protección do Camiño de Santiago serán comunicadas polo solicitante á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co obxecto de contar coa súa autorización previa, de conformidade coa Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos Camiños de Santiago.

5. A presentación da solicitude de concesión da subvención por parte do interesado comportará a autorización á autoridade de xestión do Programa de desenvolvemento rural para consultar a información necesaria para poder realizar o seguimento e avaliación do programa, en particular en relación co cumprimento dos obxectivos e prioridades.

6. Durante cinco anos, contados a partir da data de remate dos traballos, realizarase obrigatoriamente, como mínimo, o control da vexetación de competencia e a reposición de marras e, no caso de que o estado da forestación o requira:

a) Podas de formación e de calidade.

b) Fertilización cando o estado da planta o demande.

c) Mantemento das infraestruturas da forestación.

  
Requisitos

- Das axudas previstas nesta orde serán persoas beneficiarias as sociedades de fomento forestal (Sofor), os propietarios particulares de forma individual, as asociacións e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os proindivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais, outras persoas xurídicas e as comunidades de montes veciñais en man común (en diante CMVMC), que cumpran o establecido no punto 1 do artigo 5 desta orde.

- Os beneficiarios deben cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

- As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, para poderen acceder a estas subvencións e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, como moi tarde o día en que remate o prazo de presentación da solicitude da axuda. Así mesmo, deberán ter presentadas as comunicacións dos ingresos e reinvestimentos no prazo establecido no capítulo III do Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal.

- As Sofor deberán ter a inscrición definitiva no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal, como moi tarde, o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.

- Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. Unha empresa está en crise cando concorre polo menos unha das seguintes circunstancias:

a) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.

b) Tratándose dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.

c) Cando a empresa estea inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por pedimento dos seus acredores.

As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise salvo que cumpran a condición establecida na letra c).

Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se encontran en situación de crise conforme a normativa comunitaria.

- Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Normativa

Ámbito Autonómico




Ámbito Europeo

Comentarios

Entradas populares de este blog

Tablas de precios orientativos de la madera

Documentacion y Legislación